(Extracto do Caderno de Bitácora do Capitán Harvey)
"Eu vin cousas que vos non creriades.
Actuar a Juan Pardo durante mais de dez anos na TVG.
Teño visto“Pratos Combinados” durante catro horas seguidas,
mentres as emisións musicais vía satélite no bar do Club de Campo
descubríanme todo o que nos estabamos a perder.
Ninguén parecía poder facer nada para remedialo. Pero non...
Todos eses momentos perderanse, coma bagoas na choiva...
Si compañeiros, rematou a espera (...)
Xa estou en órbita. Meu sacrificio non será en vano.
E hora de que chegue... Gorevisión, a nosa diversión!!!!"

O ano 93 foi o da resaca da modernidade na España socialista. Un tempo en que a Galiza vivía ancorada no atraso que suporía o triplo lustro dinosáurico do fraguismo. No ano en que nos venderon fume cunha chuvia de millóns para fomentar e anunciar un acontecemento de raizame relixiosa que tería que facer posíbel o despegue dun país de futuro que aínda hoxe, catorce anos despois, non consegue coller o voo. Un territorio sen infraestruturas axeitadas viviu un espellismo que, visto desde a perspectiva da súa bisbarra máis afastada, Trasancos, encheu de frustración e xenreira a toda unha xeración de fillos e netos de traballadores do naval que seguían a ver ao lonxe o futuro, a cultura e o emprego.
Foron anos de emigracións e vidas subvencionadas que só conseguiron facer xermolar un sentimento de autosuficiencia e de supervivencia que tería como resultado o nacemento dunha “movida cultural” creada na independencia e con escaso reflexo na historia “oficial” da cultura galega contemporánea. Unha morea de rapazas e mozos orfos de referentes e con sensación de abandono polo mundo decidiron tomar cartas no asunto e desenrolar pola súa conta as armas precisas para dar saída ás súas inquedanzas e gostos, principalmente no musical. Cada un no seu, comezaron a traballar en silencio nun proxecto insólito que moitos pensaron irrealizable, pola súas fantásticas e aloucadas pretensións, a fabricación dun satélite artificial que sería posto en órbita por medio dun complicado sistema de despegue realizado con pezas de tecnoloxía americana roubada dos almacéns de ferralla de Bazan.
Amigo:alégrome da creación de Gorevisión. Atrás queda o 93, cheo dese aspecto finisecular aínda non moi asumido... A gorevisión vou ter que ir eu para tomar algo na túa compaña. Un bico ghrande¡¡¡