31 de julho de 2007
made in " feito na casa "
Logo da tan traída e levada nova da construción do primeiro satélite español con tecnoloxía propia, convén revisar os arquivos encontrados recentemente nun solar abandonado nas aforas da cidade de Ferrol. Entre centos de toneladas de ferralla provinte da construción naval, material audiovisual da máis diversa índole e automóbiles retro, apareceron, no interior dunha improvisada oficina, dous arquivadores cheos de documentos que confirman o que xa era un segredo ben coñecido: o primeiro satélite de telecomunicacións feito na península xa fora construído no ano 93 por galegos.

suposta imaxe externa do satélite

Se ben as autoridades locais parecen pouco interesadas en tal descubrimento, desde certas ONG's interestelares como “Amigos do Frikismo”, “Jaliña Choca Invest” ou “Extraterrestristas sem Fronteiras” insistiron na importancia do achado e na necesidade de que este sexa estudado de preto pola comunidade científica mundial.

Segundo parece o CNI (antigo CESID) ven de tomar cartas no asunto elevando os planos e demais documentación incautada á categoría de TOP SECRET, tamén coñecida como FOR YOUR EYES ONLY, é dicir, que non vamos saber nada do asunto ata que transcorran uns cincuenta anos. Porén, fontes de toda confianza xa nos teñen revelado que o “Proxecto Gorevisión” supuxo un incríbel avance na aeronáutica rústica do país e que, por primeira vez na historia da humanidade, un artefacto destas características non fora teledirixido senón que tripulado por un iluso descerebrado que respondía ao nome de Capitán Harvey.

Tomando como referencia as nosas pescudas, non foi posíbel descubrir a verdadeira identidade do individuo en cuestión, se ben existen varias testemuñas que afirman telo visto no Mercat dos Encantes de Barcelona vendendo Cd's piratas dos Grandes Éxitos de Andrés do Barro, no Coliseo da Cidade de Roma facendo de mimo para lle sacar uns pesos ós guiris ou nas costas de Camariñas recollendo ameixa babosa; non podemos afirmar que estes avistamentos sexan certos ou simplemente froito dunha psicose subconsciente colectiva, do que podedes estar seguros é de que seguiremos investigando neste intrigante suceso que ten conmocionada á comarca de Trasancos.

14 anos despois os pioneiros da aeronáutica espacial galega seguen sen ser identificados. Nós queremos saber!
 
proposto por Gorevision TV ás 23:13 | Permalink | 0 comentarios